Monday 23 de September de 2024

Neda organiza o 5 de outubro unha recollida de basuraleza dentro da campaña nacional “1m2 polas praias e mares”


Aberta a inscrición para participar nesta acción que se desenvolverá no areal do Puntal

Neda sumarase o sábado 5 de outubro á campaña “1m2 polas praias e mares” que, no marco do proxecto Libera, promoven no conxunto de España, Seo Birdlife e máis Ecoembes. Trátase dunha acción limpeza ambiental colaborativa, organizada polo Concello, e destinada a retirar da contornas mariña residuos que non terían que ter acabado aí. Para participar, cómpre anotarse.
A praia situada xunto ao espigón do Puntal será o escenario elixido pola área de Medio Ambiente para desenvolver esta actividade de concienciación, centrada no litoral. O obxectivo, unha vez finalizada a tempada estival, é retirar restos de lixo (cabichas, plásticos, redes…) que poden quedar no areal e nas súas inmediacións, evitando que cheguen ao mar.

Durante a quedada, que está fixada para as 10.30 horas, e aberta ao conxunto da veciñanza do municipio e do resto da comarca, procederase a recoller, clasificar e pesar o conxunto dos residuos que se apañen. Os datos incorporaranse ás bases do Ministerio para a Transición Ecolóxica para saber máis sobre os refigallos que hai nos areais.

As persoas que queiran sumarse á recollida que se organizará na nosa localidade, deben inscribirse no teléfono 981390233. A proposta busca contribuír a sensibilizar sobre a necesidade de adoptar no día a día prácticas máis sostibles co medio natural.

Deja un comentario